Que somos?



Esta iniciativa nace da necesidade de pór en valor o noso medio rural, o seu modo de vida e a súa capacidade para crear riqueza e cultura, non necesariamente por esa orde. Ao longo desta bitácora, das súas entradas e comentarios, dos seus vídeos e as súas fotos tentaremos mostrar ao mundo unha pequena xanela onde as pequenas cousas teñen vital importancia, falar do tempo non é algo baleiro e o tempo corre ao seu antollo.

Pero sobre calquera outra cousa poremos encima da mesa a importancia do medio rural nas nosas vidas, na nosa historia e o papel fundamental que ten que desenvolver nun futuro que case se aloxa xa no noso presente.

 

Que somos?


Somos un grupo de profesionais, academicos ou apaixonados dun modo de vida que contan co seu empeño, algunhas ferramentas e moitas armas para loitar por un mundo un pouco mellor.
Pero ante todo a ousada vontade deste blog é converterse nun foro de debate sobre o desenvolvemento rural, a PAC, os hortos urbanos ou o comercio de proximidade, sobre o enfoque LEADER e o cooperativismo. Sobre o mundo rural.

 

Que é Lumepan?


O Lumepan é unha festa pagá que se celebraba no Val da Amaía, un territorio moi próximo a Santiago, a capital de Galicia e que se está recuperando nos últimos anos. Esta celebración vira ao redor da fertilidade da terra e busca afastar a inclemencia meteorolóxicas e as enfermidades das colleitas.
O Lumepan celébrase no mes de abril e o lume é unha parte fundamental nun ritual da "bendición da colleita". Así pois, que mellor nome para esta pequena xanela ao mundo rural.